Oleiros, 4 de agosto de 2020-. O parque Luís Seoane de Santa Cruz acollerá o acto de inauguración da XXVI edición de Alfaroleiros mañá mércores, ás 12:30 horas. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, presidirá o acto ao que tamén asistirán representantes da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia e alcaldes e concelleiros de varios municipios.
A feira de olería máis importante de toda España, tal e como a cualifican os profesionais do sector, concentrará un ano máis os mellores oleiros tradicionais da Península Ibérica. O horario de exposición e venda será de 10:00 a 22:30 horas.
Paralelamente á feira, o Concello organiza numerosos espectáculos e actividades gratuítas. En todos os casos o aforo estará controlado, será obrigatorio gardar a distancia de seguridade e o uso de máscara para maiores de 6 anos, así como cumprir as normas e respectar as indicacións da organización.
No caso das proxeccións cinematográficas e dos espectáculos infantís, as invitacións recolleranse desde unha hora antes do comezo do espectáculo no posto municipal situado no centro do Parque Luis Seoane.
Para os concertos da praza de Esther Pita, as invitacións reservaranse telefonicamente no 981 610 000, en horario de 15:00 a 19:30 horas. As entradas para o concerto de SES xa están dispoñibles desde onte e para o O Blues do País e o Sindicato da Verbena a partir de mañá mércores.