Oleiros, 15 de xullo de 2016-. Dous veciños do municipio foron sorprendidos por técnicos municipais hai escasos días con conexións ilegais á rede de augas. Con esta manobra, que lles custará elevadas sancións económicas, os infractores evitaban que os contadores das súas vivendas rexistraran os seus consumos de auga.
Na primeira das vivendas, situada en Canide, o infractor foi descuberto mentres enchía unha piscina de grandes dimensións. O contador non se movía e a ausencia de pozo na propiedade evidenciou o roubo, que se producía desde unha acometida clandestina. No caso detectado na Urbanización As Pardelas, tiñan desconectado o contador e no seu sitio había un latiguillo que servía para dar paso á auga sen que se contabilizara.
As sancións previstas nestes casos son moi elevadas e poderían incluír tamén o pago da taxa máxima durante un período de cinco anos. O alcalde fixo fincapé en que este tipo de actuacións prexudican a todos os veciños do municipio que teñen que afrontar os consumos das persoas que non pagan mediante a realización deste tipo de infraccións.