Novas

Asset Publisher

Back O SNL obsequia aos máis pequenos cun concerto escolar de Toc Toc

Oleiros, 29 de maio de 2014.- O Servizo de Normalización Lingüística organizou para o próximo martes 3 de xuño, no auditorio Gabriel García Márquez, o concerto Toc Toc, de Pablo Díaz para o alumnado máis novo dos centros do Concello. Este espectáculo está orientado para o alumnado de 6º de infantil, 1º e 2º de primaria. E posto que van asistir todos os centros de ensino vai haber dúas sesións, unha ás 10.00 h da mañá, na que participarán o CEIP Valle Inclán e o CEIP Parga Pondal, e a segunda, ás 12.00 h, á que asistirán o CEIP Luis Seoane e o CEIP A Rabadeira.

Tras o éxito que tivo o concerto Toc Toc organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, con quen xa colaborara o departamento, a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística decidiu agasallar os máis pequenos con esta actividade, na que invita a cantarlle á alegría e á amizade, á vez que inculca nos cativos valores como o ecoloxismo ou a paz, dun xeito lúdico e co galego como lingua.

TOC TOC rima con rock, pop, folk e tamén co soul, que aquí se mesturan coa tradición galega ao cobrar protagonismo sobre o escenario os romances infantís O piollo e a pulga e Mazarico, que converten o concerto nunha festa na que os nenos e nenas bailan e cantan na nosa lingua. A música actúa así como fonte de transmisión do galego ao promover que a xente miúda siga cantando as cancións tras finalizar a actividade.