• Ao redor do 21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna, os institutos recibirán representacións, obradoiros e charlas
Oleiros, 9 de febreiro de 2011-. O Concello de Oleiros comeza este mes a súa programación de dinamización lingüística con representacións, charlas e obradoiros nos centros de ensino públicos de Oleiros. As actividades que se van levar a cabo pretenden levar á reflexión do alumnado á vez que van descubrindo a situación lingüística de Galicia.
A programación desenvolverase ao redor deste mes para celebrar o 21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna e prolongarase ata o mes de maio nos tres institutos de Oleiros, IES María Casares, IES Neira Vilas e IES Miraflores.
O IES Neira Vilas foi o primeiro en recibir a representación de teatro foro A saúde da lingua, do grupo Manicómicos. Unha representación que trata a situación lingüística de Galicia facendo participar o público. Esta obra estará o 21 de febreiro e o 14 de marzo no IES María Casares de Bastiagueiro.
Así mesmo, esta semana desenvolveranse 3 obradoiros no IES María Casares de Reverso Servizos Lingüísticos, O falar non ten cancelas, onde cada grupo traballará a situación da lingua desde unha perspectiva lúdica e chea de exemplos. O 14 de marzo será o IES Neira Vilas o centro que recibirá este obradoiro.
E o 28 de febreiro e o 21 de marzo o IES María Casares terá a oportunidade de escoitar a Manuel Núñez Singala, no relatorio En galego, por que non?, quen fará reflexionar o alumnado con exemplos para ir derrubando os prexuízos lingüísticos que o estudantado poida ter.
Mais estas non van ser as únicas actividades complementarias de dinamización lingüística coas que van poder contar os centros de ensino do Concello, pois tanto os colexios como os institutos desenvolverán a maior parte da súa programación de dinamización lingüística no mes de maio.