Oleiros, 3 de febreiro de 2012-. Un auto do Tribunal Superior de Xustiza ditamina que non se execute a orde de derrubamento que pesaba sobre a cuberta do edificio de vivendas coñecido como Casa Sara, na localidade de Santa Cristina. O fallo xudicial considera que o derrubamento non cumpriría o principio de proporcionalidade, xa que ao abeiro do PXOM aprobado en 2009, a cuberta é legal e habería que «derruíla para volver a levantala». O Goberno local considera moi positiva a decisión xudicial.
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, asegurou esta mañá que con esta decisión se termina o calvario de 56 familias que levan máis de 30 anos de sufrimento. Así mesmo, García Seoane sinalou que o Concello negocia cos denunciantes a forma de pagamento de 1,2 millóns de euros en concepto de compensación pola non execución do derrubamento. O rexedor sinalou que esta cantidade é menos da metade dos máis de 3 millóns de euros que suporía acometer a demolición e realoxar as familias.
O problema do edificio de Casa Sara remóntase ao ano 1977 cando a última Corporación municipal preconstitucional deu licenza para máis de 80 vivendas nunha parcela situada nas inmediacións da praia de Santa Cristina. Tras as continuas protestas dos colectivos veciñais da zona, encabezados pola Asociación de Veciños A Ría, logrouse suspender esta licenza municipal e xa no ano 1982, o alcalde nese momento Xosé Lois Martínez, firmou un convenio cos propietarios do solar que posteriormente permitiu a construción de 38 vivendas e 24 apartamentos.
A construción do edificio foi denunciada en 1986 por dous propietarios de residencias próximas quen argumentaron que a cuberta do edificio lles quitaba vistas. Un tribunal fallou a favor dos demandantes e ordenou o derrubamento parcial do tellado. Desde entón e ata agora a orde de derrubamento recorreu distintas fases dun dilatado proceso xudicial que se culmina con este fallo da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Galicia que declara a inexecutabilidade da demolición.