Hemeroteca

Asset Publisher

Back O programa Ven e Descubre 2016 ofrece 2.420 prazas para coñecer ¿o país dos mil ríos¿

Oleiros, 11 de marzo de 2016-. A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Oleiros invita a todos os veciños e veciñas maiores de 60 anos a acudir á presentación do Programa Ven e Descubre 2016, o próximo mércores, 16 de marzo, ás 18:30 h, no auditorio do centro cultural A Fábrica en Santa Cristina. Este programa engloba todas as actividades de excursionismo e sendeirismo interpretativo dirixido a todas as persoas maiores de 60 anos empadroadas no Concello de Oleiros.

Ven e Descubre 2016, que leva 20 anos funcionando, convoca ás persoas participantes a viaxar en dous formatos diferenciados. A través de rutas denominadas de “excursionismo” nas que se trasladan en autobús e realizan pequenos paseos e visitas guiadas, e a segunda opción, de “sendeirismo” onde se realiza a ruta camiñando. En total ofértanse 2.420 prazas para as 18 excursións e 14 rutas de sendeirismo, dúas delas de fin de semana.

Este ano o programa Ven e Descubre ten como lema “O país dos mil ríos” e a través desta definición que daba Álvaro Cunqueiro á nosa terra visitaremos distintas localidades, coñeceremos historias e lendas e novas paisaxes e formas de vida.

Ademais de coñecer algunhas das cuncas fluviais galegas, grandes e pequenas, investigarase sobre o que os ríos simbolizan na cultura galega. Os ríos dan de beber á natureza, son fontes de vida, crean paraísos e verxeis. Os ríos comunicaron as persoas, son escenarios de inspiración para artistas. Os ríos son vida, percorren un país, artellan a súa xeografía e delimítano.

Ven e descubre non é un programa de paseos ou excursión ao uso, é un programa de vida no que se aprende dos coñecementos e a experiencia dos demais, onde se rachan cos prexuízos sobre a vellez e no que a idade non é ningún impedimento para seguir aprendendo, a través da experiencia, da observación e da escoita.

Por iso este ano o programa denomínase “O país dos mil ríos” e nos oito itinerarios diferentes percorreranse as cuncas dos ríos: Douro, Xentiña, Miño, Sil, Castro, Lérez, Arnoia, Líres e  Sor.
 

back link