Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O mércores comeza a XXX edición de Alfaroleiros

O parque Luís Seoane de Santa Cruz acollerá, desde o próximo mércores 7 de agosto ata o domingo día 11, a XXX edición de Alfaroleiros. 

Alfaroleiros chega este verán á súa edición número 30 como a feira máis artesanal, identitaria e natural. Un evento cultural de referencia que sitúa o parque Luis Seoane de Santa Cruz no máis alto da olería tradicional da península Ibérica. 

Coma sempre, 26 oleiros procedentes de diversas zonas do Estado español venderán os seus produtos a rentes do céspede do parque Luis Seoane, convertendo Santa Cruz no epicentro festivo e cultural do Concello durante os primeiros días de agosto.

Paralelamente á feira no mesmo parque Luís Seoane e na praza Esther Pita, desenvolveranse diversas actividades de carácter lúdico-cultural para gozo da veciñanza e das persoas visitantes. Tamén está prevista unha exposición conmemorativa polos 30 anos desta feira. 

Todos os espectáculos, concertos e actividades son abertas e gratuítas. A programación é a seguinte:

-    Acto de inauguración: mércores, 12:30 h
-    Demostración de olería: mércores, 13:00 h
-    Concerto de Caamaño & Ameixeiras: mércores, 21:00 h
-    Demostración de olería: xoves, 13:00 h
-    Demostración de olería: xoves, 18:30 h
-    Espectáculo de maxia e música do Mago Teto: Rock & Magic, 20.00 h (praza Esther Pita)
-    Monólogo: Sen Restricións de Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro, 21:30 h
-    Demostración de olería: venres, 13:00 h
-    Bautismo de barro: venres, 17:30 h
-    Concerto de música infantil: A música das buguinas, de Bellón Maceiras e Mamá Cabra, venres 20:00 h
-    Concerto de Verónica Codesal: venres, 22:00 h (praza Esther Pita)
-    Cociña e barro, demostración de cociña en vivo: sábado, 13:00 h
-    Obradoiro, A olería nas túas mans: sábado, 18:30 h
-    Cociña e barro, demostración de cociña en vivo: sábado, 20:00 h
-    Concerto de Monoulious DOP: sábado, 22:00 h (praza Esther Pita)
-    Demostración de olería: domingo, 13:00 h
-    Xogos tradicionais, Xogando miudiño: domingo, 18:00 h
-    Pasarrúas co Grupo de gaitas Santaia: domingo, 19:30 h

back link