Hemeroteca

Asset Publisher

Back O grupo terapéutico “Coidando Emocións” realizou unha nova saída guiada por Oleiros enmarcada no programa de apoio a persoas coidadoras

Dentro do programa de “Apoio a persoas coidadoras” realizouse o mércores 15 de novembro unha nova saída do denominada o “paseo dos sentidos”. Nesta ocasión o paseo discorreu polos bosques de Bastiagueiro no que participaron parte das persoas coidadoras, o grupo “Coidando emocións”. 

“Coidando emocións” é un grupo terapéutico formado por persoas coidadoras de familiares con dependencia. Acoden quincenalmente para construír unha autonomía persoal desde o apoio mutuo con outras persoas coidadoras e baixo a dirección dun equipo profesional que facilita a comunicación e a reflexión necesaria para afrontar o camiño da complicada situación persoal que están vivindo. 

O “paseo dos sentidos” ofrece a posibilidade de desenvolver unha actividade relaxante onde se descobren lugares, parques, elementos do patrimonio e paisaxes do municipio. Este contacto coa natureza, a observación pausada e consciente fai posible que as persoas reduzan o nivel de estrés, ao mesmo tempo que facilita un espazo de comunicación fortalecendo os lazos, xa establecidos no grupo. 

Na saída guiada do paseo dos bosques de Bastiagueiro o 15 de novembro, o grupo achegouse ata os bosques de outono da contorna do Bosque dos Veciños. Nun camiño pausado, observaron castiñeiros encarnados, sentiron o son das pegadas sobre as follas caídas, escoitaron os cantos das aves nas súas pólas (paporrubio, gaio, pombo), recoñeceron a través do tacto as texturas da cortiza do castiñeiro, o carballo e o loureiro, descubriron unha corredoira tradicional con historia, “o Carragás”; continuando até o Pazo de Lóngora onde coñeceron a fondo a súa historia e o seu presente, convertido nun espazo cultural dinámico nunha nova Biblioteca Municipal. O paseo rematou descubrindo un pequeno bosque escondido na contorna do instituto María Casares.

back link