Oleiros, 23 de novembro de 2011-. O Goberno local de Oleiros considera que o calendario editado polo colectivo Mujeres en Igualdad é sexista e degrada a imaxe da muller ao reducila a un simple obxecto. Ademais o executivo local, ante o pagamento por parte da Deputación provincial da impresión deste calendario a través da súa imprenta, observa un claro uso partidista dos fondos públicos provinciais.
Este calendario, que pretende reivindicar a igualdade da muller, consigue o efecto contrario. Xa que se sirve de fotografías de concelleiras, exconcelleiras e cargos do Partido Popular en Oleiros caracterizadas como actrices de cine doutra época, para emular ineludiblemente o concepto de muller obxecto. Unha visión da muller que representa todo o contrario do que debe perseguir unha asociación en defensa da muller.
O Goberno local descoñece se a auténtica pretensión desta iniciativa é realizar unha campaña de márketing a favor das divas do PP local, o que supón unha tomadura de pelo en toda regra a todas aquelas persoas e colectivos que verdadeiramente loitan por defender as mulleres.
A violencia de xénero e o maltrato á muller combátese a través das iniciativas lexislativas, a través de sancións e condenas exemplares para os maltratadores, desde o ámbito educativo coa formación en igualdade dos individuos desde a súa infancia e a través do labor dos centros educativos, non a través de iniciativas desafortunadas e pouco meditadas como esta.