Oleiros, 3 de marzo de 2020-. O Concello de Oleiros vai iniciar un programa de ocio saudable dirixido a persoas con diversidade funcional. As actividades consistirán na realización de obradoiros, participación en xornadas de deporte adaptado, excursións ou roteiros, visitas a museos… e desenvolveranse as fins de semana, desde abril ata xuño.
Aquelas persoas interesadas en participar poderán preinscribirse desde o luns 9 de marzo ás 9:00 horas e ata o día 20 de marzo ás 14:00 h no departamento de Servizo Sociais e Igualdade (rúa Camilo Díaz Baliño). Unha vez realizadas as solicitudes, as persoas preinscritas serán citadas para unha entrevista personalizada para adaptar o programa ás necesidades e aos intereses dos veciños e veciñas de Oleiros.
O lecer é un dereito de todas as persoas, unha experiencia integral que se debe ofrecer a todas as persoas sen discriminación. Tamén é unha área fundamental na calidade de vida tanto a nivel comunitario como persoal, xa que está ligado á satisfacción e ás emocións. A esencia do ocio é a liberdade: liberdade de escoller entre unha variedade de opcións e experiencias.
Para obter máis información sobre este programa, é posible dirixirse ao departamento de Servizos Sociais e Igualdade presencialmente, chamando ao 981 610 000 ou mediante o correo s.sociais@oleiros.org.