Oleiros, 9 de decembro de 2011-. O Concello de Oleiros denuncia a repartición partidista e sectario de importantes axudas económicas por parte da Xunta a asociacións estreitamente relacionadas co Partido Popular de Galicia. O pasado venres 2 de decembro foi publicado no DOG por parte da Consellería de Presidencia a concesión de subvencións de miles de euros outorgadas a 8 asociacións «para hábitos de vida saudables» destinadas a sufragar os seus gastos correntes e o desenvolvemento das súas actividades e charlas.
Estás subvencións, na súa gran maioría, foron destinadas a asociacións estreitamente relacionadas co PP e integradas por concelleiros, exconcelleiros e cargos directivos deste partido nas distintas localidades galegas, como son Mulleres en Igualdade, en Oleiros, e a asociación Rede Nai da Coruña, agrupación de marcado carácter antiabortista.
O Concello de Oleiros denuncia o financiamento encuberto das redes locais do Partido Popular a través destas prácticas que utilizan fondos públicos de todos os galegos e galegas, mentres que as entidades culturais e sociais que realmente traballan ven como ano tras ano o Goberno autonómico recorta as súas achegas.
Outra proba desta política partidista financiada con fondos públicos é o diñeiro que recibe o Gerardo Crespo, empresario e presidente da asociación de veciños O Ensanche da Coruña, que, como xa denunciou fai meses o Goberno local de Oleiros, recibe millonarias subvencións da Xunta para as súas «empresas». Ademais, o colectivo veciñal que preside Crespo ousa suplantar a vontade dos coruñeses e coruñesas ao designar de forma persoal e unilateral o premio de coruñés do ano co único obxectivo de divulgar as excelencias de determinados políticos e dos organismos que estes dirixen.