Hemeroteca

Asset Publisher

Back Felipe Criado é nomeado fillo adoptivo do Concello de Oleiros a título póstumo

O pleno do Concello, a proposta do Goberno municipal, acordou nomear fillo adoptivo de Oleiros a Felipe Criado Martín. A significación de Felipe Criado para Oleiros non reside só en que foi unha relevante figura artística que elixiu Mera para vivir. O seu compromiso humano, a súa implicación na vida comunitaria e a súa relación coa veciñanza durante os últimos anos da súa vida, son razón suficiente para situar a súa figura entre as persoas que contribuíron a singularizar o Oleiros de hoxe, orgulloso de si mesmo e de altos valores éticos e sociais. 

Don Felipe Criado Martín naceu en Xixón en 1928, fillo de pais salmantinos, aínda que a súa familia estableceuse na Coruña. Tras o seu paso pola Facultade de Medicina coñeceu ao escultor Francisco Asorey, con quen traballou pouco antes de ingresar na Escola de Belas Artes de San Fernando, Madrid. Xa nos anos 60 converteuse en profesor e a partir de 1996 foi académico na Academia Galega de Belas Artes.

Viviu en primeira persoa o bombardeo da Lexión Cóndor sobre Santander, durante o levantamento militar español de 1936, dato que se considera importante no desenvolvemento da súa sensibilidade artística e o seu carácter reflexivo.

A súa relación con Oleiros nace en 1957, cando se presenta a un concurso de pintura cunha peza moi parecida a un proxecto de mural titulado “Xente de Mera”.

En 1959 casa con Mercedes Boado, con quen pasaría o resto da súa vida. Foi ela quen recentemente, en carta dirixida ao alcalde, cedeu por 20 anos, de xeito gratuíto e incondicional, cinco das súas obras ao Concello, unha por cada membro da súa familia.

A evolución da súa obra vai dun expresionismo de corte social, centrado en figuras femininas e infantís en contornas urbanas, a unha estética máis luminosa e vitalista nas décadas de 1970 e 1980. 

Un gran dominio do debuxo e a anatomía reflíctese en composicións de gran equilibrio formal, onde a figura humana, especialmente a feminina, adquire un protagonismo case escultórico. Admirador de Matisse, incorporou unha paleta contida e un trazo virtuoso que foi evolucionando cara a unha maior liberdade expresiva, tanto na súa pintura coma no muralismo, o gravado e a cerámica. 
O seu legado artístico fusiona clasicismo e modernidade a través da figura humana e a paisaxe galega.

Unha magnífica obra que viaxou para expoñerse en diversos lugares do mundo e que está presente nos máis prestixiosos museos o que confirma o unánime recoñecemento e admiración que concitou a súa extraordinaria personalidade artística.

Unha persoa, en definitiva, que merece figurar entre a cidadanía ilustre deste Concello, que se honra desde hoxe mesmo de telo entre os seus fillos máis queridos.
 

back link