Asset Publisher

Back COMUNICADO

Oleiros, 27 de setembro de 2012-. Resposta ao comunicado da APM publicado en diversos medios de comunicación o pasado día 26 de setembro en relación coas críticas realizadas por Ángel García Seoane contra a maxistrada-xuíza titular do xulgado de instrución núm. 5 con ocasión das dilixencias de instrución que se seguen contra el por un presunto delito de negociacións prohibidas para o funcionario público.

1.- As declaracións realizadas polo alcalde do Concello de Oleiros en relación coa situación destas dilixencias son o exercicio dun dereito de crítica que todos os cidadáns teñen fronte aos poderes públicos, tamén contra os xuíces. É evidente a miña discrepancia neste punto cunha asociación que manifestou o seu amparo á actuación da maxistrada sen coñecer, presumo na súa integridade, feitos constatables que son determinantes neste caso.

2.- O fundamento das críticas realizadas está perfectamente documentado, e o seu resumo é o seguinte:

A/ Estamos ante unha instrución iniciada hai seis anos a instancias do Ministerio Fiscal na que se ditou hai tres anos un auto denegando probas solicitadas pola acusación popular, por considerala a citada maxistrada innecesarias para o fin da instrución. O dito auto foi confirmado plenamente en sentenza ditada pola Audiencia Provincial en recurso de apelación que a acusación popular interpuxo no seu día.

B/ A pesar de ese aval que lle daba a Audiencia Provincial, ao devolver as actuacións ao xulgado a citada maxistrada decidiu sorpresivamente practicar novas probas que se traduciron no artificial mantemento da miña condición de imputado por outro ano máis. As ditas dilixencias consistían en requirir á Xunta para que remitira o PXOM de Oleiros que xa fora achegado parcialmente polo Concello e que ademais é de acceso público por estar colgado na rede.

C/ Nas dilixencias constan dous informes do ministerio fiscal, que era quen presentara a denuncia, solicitando o arquivo por non atopar indicios de delito. Unicamente é a acusación popular, o Partido Popular, quen mantén a acusación.

D/ En paralelo a estas incidencias xudiciais a citada maxistrada foi obxecto de dilixencias administrativas de investigación pola comisión dunha infracción urbanística consistente na realización de obras de ampliación dunha vivenda sen a preceptiva licenza municipal e que, en principio, non eran legalizables, aínda que posteriormente se arquivaron por razón de proceder á regularización mediante a ampliación da superficie da súa parcela previa compra dunha finca a un lindeiro. O malestar que causou a dita actuación municipal á maxistrada foi publicamente mostrado polo seu marido, tamén maxistrado, quen proferiu algunhas palabras malsoantes contra a miña persoa ante distintos cidadáns.

E/ Nesta situación é cando se produce a toma de decisión da citada maxistrada decidindo, despois de descartar a existencia dos delitos polos que se presentara a acusación, proseguir a instrución por se puidese existir outro delito diferente.

3.- A imparcialidade do xuíz é un piar do Estado de Dereito, e parece máis que evidente que, á data en que a maxistrada en cuestión tomou a decisión de manterme baixo imputación con simples hipóteses sobre as que non sabemos se se quere practicar novas probas, nela non concorría a situación de imparcialidade obxectiva que hai que reclamar a un maxistrado no exercicio das súas funcións. É pola gravidade desta actuación polo que se anunciou o exercicio de accións que correspondan, entre elas unha denuncia ao Consello Xeral do Poder Xudicial pola comisión dunha falta moi grave.

4.- A nota pública da APM non só se adoptou excedéndose claramente nas súas funcións, e sen coñecer os antecedentes na súa totalidade, senón que moito nos tememos que con ela contaminaron os seus asociados para a toma de decisións nas secuelas xudiciais que se producirán como consecuencia desta decisión. E é que non será difícil de entender as miñas reservas para que en diante me xulguen os membros dunha asociación que xa se posicionou ante o caso concreto que motivou a crítica (hoxe pendente dun recurso de apelación) e que me acusa publicamente de cometer un grave atentado contra a independencia xudicial.
 

back link