O prezo dos pisos e os requisitos de acceso son os estipulados pola Xunta para este tipo vivendas, tendo preferencia os veciños e veciñas de Oleiros. Serán de máxima calidade e estarán situados en magníficos lugares: centro de Perillo, urbanización de Xaz e centro de Mera.
En España existe un grave problema para o acceso á vivenda do que Oleiros non é alleo. Ante a falta de políticas públicas efectivas por parte da Xunta e do Estado –que son as administracións competentes neste ámbito-, o Concello vai máis alá das súas obrigas e promove a creación de cooperativas de vivendas en Perillo, Dorneda e Mera mediante a venda de varias parcelas de propiedade municipal, logradas gratuitamente a través da xestión urbanística, a prezos inferiores aos de mercado.