A Xunta non permite batidas en zona urbana nin ten ningún outro xeito de controlar as cada vez máis numerosas poboacións deste animal salvaxe que se está reproducindo sen control algún, invadindo os espazos urbanos e provocando non só prexuízos no espazo público senón tamén en ámbitos privados e temores entre moitas persoas que non saben reaccionar ante a súa presenza.
Os mecanismos previstos pola Xunta consisten en instalar gaiolas para cazalos en lugares estratéxicos, pero ata o momento no Concello non consta que este método sexa minimamente eficaz, xa que non se comunicaron os resultados ata hoxe.
Os animaliños andan na procura de alimento nos ámbitos urbanos e os brandos espazos de céspede son para eles un lugar doado para conseguir miñoca ou outro tipo de alimentación, polo que actúan deixando todo en pésimas condicións.
A Xunta é responsable da fauna salvaxe, polo que debe encargarse do mantemento dos espazos que esta fauna deteriora.