O vindeiro sábado 11 de maio As Torres será o escenario dunha chea de actividades para os máis pequenos e pequenas. Un día de teatro, xogos e concerto, celebrando a lingua galega e celebrando unha festa para todas as familias do Apego.
Ás 12.30 h comezarase a xornada co concerto Rockeando coas que máis molan de Pakolas. Un concerto coa recompilación das cancións que máis molan dos seus discos: Pakolas, Ramona Órbita e A Ramona pequena vai á lúa. A rapazada poderá bailar cancións como Baldomero, o mero ou Manolo Cavernario, as preferidas da rapazada e de Pakolas.
A duración será de 60 minutos e logo de ter tempo para comer, volveremos ás 16.30 h cos Xogos Poporrubio. Os xogos do Paporrubio é un compendio de xogos autónomos e animados de temática agraria, que nos dá a coñecer un dos paxaros máis pequenos, rebuldeiros e cantaruxeiros da nosa fauna. O noso paporrubio, calzado cuns zoquiños, guía as familias por unha eira chea de xogos. Esta actividade está recomendada para maiores de 2 anos.
Para as familias con nenos e nenas de 0 a 3 anos temos a obra Carapuchiña vermella e os cinco lobiños, de Ángeles Goas. Un espectáculo de narración oral e música, onde a grande protagonista é unha Carapuchiña Vermella que vive unha aventura un pouco diferente. No seu camiño, a falta dun lobo, hai 5 lobiños que son tan pequerrechiños que caben na súa cesta. A súa duración é de 30 minutos.
Para rematar a festa, ás 18.30 h Paco Nogueiras presenta o seu novo disco Son Animal. Un novo espectáculo dedicado aos animais máis próximos e aos seus sons convertidos en divertidas cancións. Moi preto de nós viven toda clase de animais. Hainos grandes, pequenos, con pelo, con plumas, con rabo…, todos especiais e diferentes. E todos co seu son que se converten en divertidas cancións da man de Paco Nogueiras.
Familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos
Sábado 11 de maio
Desde as 12.30 ata as 19.30 h
As Torres de Santa Cruz
Desde o luns 6 de maio ás 10.00 h
Terán preferencia as familias inscritas en Apego os dous primeiros días de inscrición.