Novas

Asset Publisher

Back O SNL organiza a actividade Letras na Corda de Rosalía de Castro no CEIP Luís Seoane

Oleiros, 17 de decembro de 2013._ O Servizo de Normalización Lingüística organizou para este mércores e xoves a actividade Letras na Corda de Rosalía de Castro, para o alumnado de 1º e 2º de primaria do CEIP Luís Seoane. A través destas sesións o Concello quere dar a coñecer a figura de Rosalía de Castro entre os máis novos, coincidindo co cento cincuenta aniversario da publicación de Cantares Gallegos.

Este obradoiro impartido por membros de Títeres Babaluva vai consistir na decoración dun espazo con letras de cartón, conformando palabras que poñan en valor a nosa cultura a través da lingua, o coñecemento do noso patrimonio artístico e cultural e a nosa identidade.

Os nenos e as nenas irán confeccionando as letras empregando a fonte Gallaecia, lembrando a imaxe da cabeceira do primeiro número do xornal Galicia. Pintaranas utilizando diferentes deseños de cores, texturas e patróns, inspiradas nas simboloxías máxicas galegas, nas ornamentacións da cerámica de Sargadelos, na xoiería tradicional, na arquitectura e tamén na arte contemporánea galega. Mentres o alumnado vai creando as palabras claves da figura de Rosalía, a monitora vai falando da súa vida e da súa obra. Para finalizar, expóñense as palabras penduradas dunha corda, lembrando así a poeta galega.