Novas

Asset Publisher

Back O pleno do Concello de Oleiros manifesta o seu rexeitamento á mina de Touro- O Pino

O pleno do Concello de Oleiros aprobou na sesión celebrada o 31 de maio unha moción presentada polo Goberno municipal de Alternativa dos Veciños contra o proxecto de reapertura da explotación mineira de cobre San Rafael SL, situada nos municipios de Touro e O Pino. O Concello de Oleiros insta a Xunta de Galicia á emisión dos correspondentes informes negativos para impedir as graves consecuencias ambientais, sanitarias, económicas e sociais que se derivarían desta explotación.

MOCIÓN DO GOBERNO MUNICIPAL DE ‘ALTERNATIVA DOS VECIÑOS’, DE REXEITAMENTO AO PROXECTO DE REAPERTURA DA EXPLOTACIÓN MINEIRA COBRE SAN RAFAEL SL Nº 2946,  SITA NOS CONCELLOS DE TOURO E O PINO

Preto de Compostela, á beira do Camiño de Santiago, nos concellos de Touro e O Pino, existe unha antiga mina de cobre. No radio dun quilómetro á redonda existe unha ventea de núcleos de poboación con garderías infantís residencias de anciáns, piscinas municipais, áreas recreativas, etc.

A súa conca deriva no río Ulla, que augas abaixo abastece as traídas de trece concellos que suman máis de 150.000 habitantes, e desemboca na Ria de Arousa, da que viven miles de familias do marisqueo, pesca artesanal e cultivos.
A mina pechou en 1986 pero na zona perviven escombreiras e lagoas de augas con metais pesados que rebordan no río Ulla.

A empresa Atalaya Mining (con sede en Chipre) participada por capital chinés e fondos de investimento estranxeiros, quere reabrila e de feito, o pasado 25 de Agosto de 2017 saiu a exposición pública o proxecto da súa reapertura. Tamén quere ampliala: 689 hectáreas a ceo aberto para extraer 267 millóns de toneladas e iso requerirá 15 millóns de quilos de produtos químicos, algúns deles sospeitosos de producir cancro. Ademais, construíranse dúas balsas xigantescas para os lodos contaminantes (unha cun muro de 3 quilómetros por 80 metros de alto).

Haberá unha media de entre 6 e 9 voaduras ao día e 25.000 quilogramos de explosivos ao ano, xerando tremores nas balsas e levantando nubes de po con metais pesados. Ademais, a empresa prevé verter á conca do Ulla os 3.000 millóns de litros de augas contaminadas que permanecen na antiga mina.
Isto ocasionaría vertidos de augas ácidas tóxicas e filtracións que afectarán a mananciais, hortas e animais. Nubes de po en suspensión cargadas de metais pesados que respirará a veciñanza, peregrinos e animais que acabarán depositados nos cultivos. Os habitantes da zona soportarán explosións diarias e vivirán co risco dunha avalancha de lodos tóxicos en caso de rotura das balsas. A contaminación afectará aos peixes do río, aos lombos do Ulla e ao resto dos bancos marisqueiros, recursos pesqueiros e cultivos da Ria de Arousa. As augas contaminadas do río abastecerán as traídas municipais de 13 municipios, que como antes xa se sinalou, contan con máis de 150.000 habitantes.

Estamos por tanto ante un proxecto cun impacto ambiental inasumible, un impacto sobre a saúde preocupante, un impacto económico negativo e un impacto social e cultural que xera unha forte alarma e rexeitamento en toda a contorna, de consecuencias negativas incalculables para as persoas, para a biodiversidade e para os seus medios de vida futuros.

Por todo o anteriormente exposto o goberno municipal de ‘Alternativa dos veciños’ propón ao pleno da corporación a adopción do acordo seguinte:
Primeiro.- Instar ás Consellerías do Mar, Medio Rural, Medioambiente e Ordenación do Territorio; de Cultura e Ordenación Universitaria e á de Economía, Emprego e Industria, a emisión de informes negativos, tal e como procede polas consecuencias negativas descritas e todas as que en alegacións se presentaron por entidades e particulares e que se proceda á desestimación á autorización administrativa de actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael nº 2946, ditando así mesmo unha declaración ambiental desfavorable en virtude dos efectos negativos para o medio ambiente e a incompatibilidade do proxecto coa debida protección das augas da cunca e da desembocadura do Ulla, dos espazos naturais deste sistema fluvial, coas captacións de auga potable de numerosos concellos coa riqueza marisqueira da ría de Arousa.

Segundo.- Instar ó goberno da Xunta de Galicia para que promova unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro, eliminando os focos de contaminación de metais pesados e drenaxe ácida, para como mínimo asegurar que non se siga comprometendo a calidade ambiental dos afluentes do río Ulla e polo tanto, da Rede Natura 2000, que verten dos terreos da anterior mina ao nomeado río e de aí á Ria de Arousa.

Terceiro.- Dar traslado deste acordo á Plataforma veciñal ‘Mina Touro-O Pino NON’, á ‘Plataforma en Defensa da Ria de Arousa’ e ás administracións citadas e apoiar todos os actos e mobilizacións que convoquen estas entidades rexeitando a autorización administrativa deste proxecto de explotación mineira.