Novas

Asset Publisher

Back O pleno aproba unha moción en defensa dos dereitos dos traballadores e dos sindicalistas de Air

O exercicio do dereito de folga, cuxa condición de dereito fundamental non podemos obviar, foi e é exemplarmente democrático e pacífico durante as máis de tres décadas que se leva exercendo en múltiples ocasións baixo a forma de folgas xerais, sectoriais ou de empresa.

O recoñecemento deste dereito dos traballadores e traballadoras para a defensa dos seus intereses non é exclusivo do noso ordenamento xurídico; así a Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea inclúeo expresamente; o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais das Nacións Unidas garánteo, e así múltiples tratados e pactos internacionais que recoñecen o dereito á folga como fundamental dos traballadores e traballadoras e das súas organizacións.
Desde a proclamación da Constitución española, xa atravesamos tres crises económicas e duros procesos de reconversión industrial e sempre o exercicio do devandito dereito caracterizouse polo seu uso de xeito responsable, sen que derivasen actuacións penais fronte a quen o exerce.

A utilización do artigo 315.3 do Código penal resulta inxustificada e desproporcionada, pois sitúa o dereito de folga nas prácticas do século XIX, cando o seu exercicio era penado e perseguido. A participación en piquetes informativos é un dereito recoñecido na nosa lexislación: non é un delito e a identificación dos traballadores e traballadoras que nel participen, non pode supoñer o risco de imputación dun delito castigado con penas de prisión. Máis de trescentas persoas foron procesadas e en numerosos dos casos xulgados, só se identifica ás persoas que acreditaron a súa identidade motu proprio, coma no caso de AIRBUS.

Agora, os oito sindicalistas de AIRBUS procesados enfróntanse a un xuízo entre o 9 e o 12 de febreiro, coma se fosen delincuentes, acusados dun delito contra os dereitos dos traballadores e traballadoras polo exercicio de folga. Pídense para cada un deles penas de prisión de oito anos e tres meses.

Por todo isto o Pleno do Concello de Oleiros adoptou o acordo seguinte:

Primeiro.- Manifestar o apoio ós oito sindicalistas de AIRBUS, na confianza da súa honradez e no recoñecemento do seu longo labor durante anos, que reportou beneficios á empresa e ó conxunto de traballadores e traballadoras da nomeada empresa.

Segundo.- Conquerir o compromiso de utilizar todos os medios necesarios para seguir defendendo o dereito de folga e o resto dos dereitos dos traballadores e traballadoras, así como a liberdade de expresión da cidadanía.

Terceiro.- Instar ó Goberno do Estado a promover a retirada de todos os cargos contra as persoas e sindicalistas que coma neste caso, sexan xulgados por este artigo.

Cuarto.- Instar ó Goberno do Estado a adoptar cantas iniciativas lexislativas sexan necesarias coa fin de corrixir esta situación, entre elas a derrogación do artigo 315.3 do Código penal, en defensa da propia lexitimidade do Estado social e democrático de dereito.