Noticias

Noticias

Atrás Declaración do Goberno municipal contra a violencia de xénero

Cada 25 de novembro os titulares, os minutos de silencio e as declaracións institucionais lembran a vixencia da violencia machista e do sistema patriarcal. A violencia machista exercida contra as mulleres é un problema de primeira orde e calquera forma de malos tratos e de violencia exercida contra as mulleres é unha violación inaceptable dos dereitos humanos nunha sociedade comprometida coa igualdade e a dignidade.


Como lembra a ONU na súa campaña para este ano, en todo o mundo, unha de cada tres mulleres sufriu violencia física ou sexual, principalmente por parte do seu compañeiro sentimental. So un 52% das mulleres casadas ou que viven en parella deciden libremente sobre as súas relacións sexuais, o uso de anticonceptivos e a súa saúde sexual. Case 750 millóns de mulleres e nenas hoxe casaron antes de cumprir os 18 anos e polo menos 200 millóns sufriron mutilación xenital feminina. 

Unha de cada dúas mulleres asasinadas no ano 2017 foron polo seu compañeiro sentimental ou un membro da súa familia (no caso dos homes a proporción foi dun de cada 20). O 71% das vítimas de trata en todo o mundo son mulleres e nenas e 3 de cada 4, son utilizadas con fins de explotación sexual.

A violencia de xénero existe e quen o nega ou pretende diluíla noutros tipos fanlle un fraco favor ás vítimas. É certo que queda moito por facer e non podemos permitirnos pasos atrás, sendo clave aumentar os recursos dispoñibles cara tamén a visibilizar todo tipo de violencias machistas.

É preciso recoñecer a importancia e gravidade das violacións e agresións sexuais na nosa sociedade e a insuficiencia nos recursos de intervención e atención. 

Segundo os datos do propio Consello Xeral Xudicial hai un 80 % de feitos delitivos que non se denuncian. Malia isto, as denuncias teñen experimentado un incremento das agresións e as persoas expertas da cadea xudicial e de atención, alertan ademais dun incremento na súa brutalidade.

Nos últimos anos houbo notábeis avances na lexislación da que nos dotamos, desde a Lei 1/2004 de 28 de decembro; ata a lei galega 11 2007, do 27 de xullo, que xa recoñece a violencia sexual como un xeito de violencia machista, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que supuxo un avance na unión de partidos, sindicatos, administracións, organizacións feministas etc. na formulación de medidas para a erradicación da violencia de xénero. 
Malia realidade indícanos que hai que seguir avanzando en desenvolver tanto a lexislación vixente como no Pacto de Estado e por suposto, no cumprimento do convenio de Istambul así como no incremento de recursos persoais e económicos destinados á loita contra a violencia de xénero.

Por todo o exposto o Goberno Municipal de “Alternativa dos Veciños” do Concello de Oleiros manifestamos:

1º) Reafirmar o noso compromiso coa igualdade real entre mulleres e homes e tamén a nosa loita para a eliminación de toda violencia que se exerza contra as mulleres polo simple feito de ser mulleres.

2º) Demandar das administracións con competencias un incremento dos recursos económicos e persoais destinados a loitar especificamente contra a violencia de xénero.

3º) Solicitar unha mellora da atención e prevención de todas as formas de violencia machista garantindo a gratuidade da atención xurídica ás vítimas de violencia sexual, desenvolvendo programas específicos de formación e campañas de prevención  e sensibilización na mocidade

4º) Demandamos a introdución no marco legal do concepto de consentimento para mellorar na tipificación e tratamento da violación e das agresións sexuais e da modificación da definición estatal da violencia de xénero de acordo co Convenio de Istambul.

5º) Comprometémonos desde o goberno municipal do Concello de Oleiros, no exercicio das nosas competencias, a seguir incrementando os programas e recursos na loita real contra a violencia de xénero.