Asset Publisher

Back Formación profesional


Aspectos básicos

A finalidade da Formación Profesional Específica no ámbito do sistema educativo regulado na LOXSE é a preparación dos alumnos para a actividade nun campo profesional e a súa capacitación para o desenvolvemento cualificado das diferentes profesións, proporcionándolles unha formación polivalente que lles permita adaptarse ás modificacións laborais que se poidan producir ó longo da súa vida.A nova Formación Profesional comprende un conxunto de Ciclos Formativos de grao medio e de grao superior cunha duración total de entre 1300 e 2000 horas, que se organizan en módulos profesionais de formación teórico-práctica. O catálogo de ciclos está agrupado en Familias Profesionais, que abranguen todo o campo productivo de bens e servicios. Dentro do programa formativo establécese con carácter obrigatorio a realización dun módulo de Formación en Centros de Traballo, cunha duración media de 400 horas, variable segundo as profesións. Ten como obxectivo completa-la formación recibida no centro educativo e avalia-la competencia profesional do alumnado en situacións reais de traballo.

Ciclos formativos de grao medio

Acceso
Pódese acceder de forma directa se se cumpren determinadas condicións, ou mediante unha proba para a que se reserva o 20% das prazas.

Condicións de acceso directo
Terá acceso directo aos Ciclos Formativos de grao medio o alumnado que cumpra algún dos requisitos seguintes:

  • Posuír o título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria. Posuí-lo título de Técnico Auxiliar.
  • Posuír o título de Técnico.
  • Ter aprobado o 2º curso do Bacharelato Unificado Polivalente (BUP).
  • Ter superado o segundo curso do primeiro ciclo experimental da reforma das ensinanzas medias.
  • Ter superados os 3 cursos do Plan de 1963 das ensinanzas de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos
  • Ter superado outros estudios declarados equivalentes para efectos académicos con algún dos anteriores.

Acceso mediante proba
Poderá concorrer á proba de acceso ós ciclos formativos de grao medio, aquelas persoas que teñan cumpridos os 18 anos ou os cumpran no ano en que se realicen as probas. Non obstante, os que non teñan esta idade poden concorrer ás probas se cumpren algunha das seguintes condicións:

  • Acreditar, cando menos, un ano de experiencia laboral ou de inscrición como demandante de emprego.
  • Ter superado un Programa de Cualificación Profesional Inicial.
  • Ter esgotadas as posibilidades de escolarización na Educación Secundaria Obrigatoria.

Contidos da proba
Tomaranse como referencia os vixentes currículos oficiais da Educación Secundaria Obrigatoria e valoraranse os coñecementos e habilidades suficientes para cursar con aproveitamento os novos estudios.

Esta proba constará de dúas partes:

  • Parte de contidos de tipo sociocultural.
  • Parte de contidos de carácter científico-tecnolóxico.

Titulación
A titulación que o/a alumno/a obtén trala superación do Ciclo Formativo de Grao Medio é a de Técnico na correspondente profesión, coa que pode acceder ó mundo laboral ou ós bacharelatos. 

Ciclos formativos de grao superior

Acceso:
Pódese acceder de forma directa se se cumpren determinadas condicións, ou mediante unha proba para a que se reserva o 20% das prazas.

Condicións de acceso directo
Para cursar os Ciclos Formativos de Grao Superior requírese cumprir algún dos requisitos seguintes:

  • Posuír o título de bacharelato establecido na Lei Orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.
  • Ter superado o segundo ciclo experimental da reforma das ensinanzas medias.
  • Ter superado o Curso de Orientación Universitaria ou Preuniversitario.
  • Posuí-lo Título de Técnico Especialista, Técnico Superior ou equivalente a efectos académicos.
  • Estar en posesión dunha titulación universitaria ou equivalente.

Acceso mediante proba
Poden acceder mediante unha proba as persoas que non reúnan os requisitos académicos e teñan cumpridos 20 anos no momento da súa realización ou os cumpran no ano de realización da proba. No caso de posuí-lo título de Técnico, para acceder mediante proba a un ciclo superior da mesma familia profesional, o requisito de idade é de 18 anos.

Os contidos da proba de acceso ós ciclos formativos de grao superior adecuaranse ós currículos das correspondentes modalidades de bacharelato previstas na LOXSE.

A citada proba constará de dúas partes :

  • Parte xeral. A parte xeral acreditará a madurez en relación cos obxectivos do bacharelato.
  • Parte específica. A parte específica pretende avalia-las capacidades respecto ó campo profesional correspondente. Desta última parte poderán quedar exentas as persoas que acrediten, polo menos, un ano de experiencia laboral en campos profesionais que se correspondan cos estudios que pretenden cursar.

Titulación
A titulación obtida polo alumno, trala superación dun Ciclo Formativo de Grao Superior, é a de Técnico Superior na correspondente profesión, coa que pode acceder ó mundo laboral ou directamente a determinados estudios universitarios relacionados co ciclo cursado.