"Volver la vista atrás" de Juan Gabriel Vásquez. Editado por Alfaguara.
Premio Bienal de Novela Mario Vargas Llosa 2021.
Unha novela social e política sobre a vida do cineasta colombiano Sergio Cabrera e da súa familia, marcada polas consecuencias do compromiso político, a partir do exilio da familia Cabrera a causa da Guerra Civil Española.
En outubro de 2016, o director de cine colombiano Sergio Cabrera asiste a unha retrospectiva das súas películas en Barcelona. É un momento difícil: seu pai, Fausto, acaba de morrer; o seu matrimonio está en crise e o seu país rexeita os acordos de paz que lle permitirían acabar con máis de cincuenta anos de guerra. Nestes días Sergio lembra como a súa familia foxe para América. Despois de pasar por diversas vicisitudes e varios países, instálanse en Colombia. Fausto casa con Luz Elena Cárdenas, unha muller da burguesía colombiana, e dedícanse ao teatro. El participou na fundación da TV colombiana. Durante nove anos foi un dos primeiros directores de planta. A consecuencia da realización dunha obra de Bertolt Brecht comezan a ter problemas. Por medio dun antigo coñecido, chégalles unha invitación desde Pekín para ir traballar alá como profesor de español. Marcha toda a familia. Fausto convértese nun maoísta convencido. Despois de estar uns anos en China, en 1966 os pais volven para Colombia e intégranse na guerrilla, quedando os fillos a cargo dunha titora chinesa...
Un relato que conta feitos reais, narrados de forma maxistral, que presenta un tempo histórico, as relacións entre pais e fillos marcadas polas ideas políticas, o tipo de educación que se quere para os fillos. Estamos ante a imaxe dunha familia danada pola época e as situacións que lles tocou vivir.
O autor, a través de numerosas entrevistas, realiza unha extraordinaria investigación social, ao mesmo tempo que privada, e cóntao como se fose unha obra de aventuras, meténdose na conciencia dos personaxes, pero sen xulgalos.
Manuel Rivas di sobre este libro: “Morde, golpea, doe, chispea. A literatura loita por facerse vida e a vida pelexa para ser contada. Que gran libro!”
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.