Asset Publisher

Back 2009 07 Recomendacións en Radio Oleiros

Todos os venres en Radio Oleiros (101.5 FM) realizamos dúas recomendacións bibliográficas no espazo titulado Todo, todo está nos libros, que se emite ás 13:15 e ás 17:00 horas. Por se non puideches seguir o programa recuperámolos tamén neste espazo:

Libros recomendados o 31 de xullo de 2009

  • Infantil (para nenos e nenas a partir de 4 anos): No bosque, de Anthony Browne (editado por Kalandraka). Un neno esperta de noite, asustado, a causa dun ruído atronador. Pola mañá cando se ergue, todo está en silencio, pero seu pai non está na casa, pregúntalle á nai cando volverá, mais non o sabe. Ao día seguinte ela pídelle que lle leve un pastel á avoa que está enferma... No bosque é un breve relato de misterio e intriga pero moi entrañable, con paralelismos co conto clásico de Carapuchiña Vermella, que nos fala dos medos infantís.
  • Mozos/as e adultos/as: O museo da inocencia, de Orhan Pamuk (editado por Galaxia). Cóntanos a historia de amor entre Kemal, un home da alta burguesía de Istambul e a súa prima Fösun, moi fermosa, pero que era dunha familia máis pobre. Kemal está prometido con Sibel, unha moza de boa familia que estudou na Universidade en París e están organizando a festa de compromiso. A pasión de Kemal por Fösun lévao a coleccionar obxectos da amada e a través deles iranos contando os acontecementos desta historia de amor que marcou a súa vida. Esta pasión amorosa desenvólvese en Istambul, entre o ano 1975 e o final do século XX, polo que tamén é a historia dunha época, así como a recreación da propia Istambul, da súa xente, de cómo vivía a súa burguesía e dos barrios populares, así como das vilas a carón do Bósforo onde veraneaban. Unha fermosa novela que fala do amor, do matrimonio, da familia, da felicidade e do propio Istambul.

Libros recomendados o 24 de xullo de 2009 Escoitar programa día 24/07/09 (WAV - 5,230.2 KB 

  • Xuvenil (a partir de 10 anos): La Tierra explicada a los niños: descubre el planeta donde vivimos y como respetarlo, do fotógrafo Yann Arthus-Bertrand (editado por Oniro). Fala da inmensidade e diversidade do planeta Terra a través de fermosas, suxerentes e impactantes fotografías. Son 100 fotografías que nos descobren a gran variedade da xeografía da Terra e as adaptacións dos seres humanos ao medio.
  • Mozos/as e adultos/as: Fin de século en Palestina, de Miguel-Anxo Murado (editado por Galaxia). No ano 1998, Miguel-Anxo Murado foi enviado a Xerusalén polas Nacións Unidas. Alí permaneceu 5 anos. Nesta obra relata a vida diaria duns habitantes que sofren, pero el preséntanos unha visión máis alá da violencia que nos pode axudar a comprender mellor a situación actual de Palestina. Segundo palabras do propio autor: "Esta non é unha obra xornalística, nin un ensaio, senón literatura de non ficción. Só quería contar o que vivín, desde a miña óptica como estranxeiro en Palestina. Achegar unha mirada desde fóra, a mirada do outro, que pode ver certas cousas con máis lucidez (...). Alí sempre te sentes como un estranxeiro. Nun lugar no que a identidade constrúe tanto a sociedade, se non pertences nin á comunidade israelí nin á palestina, pertences a outra. Neste libro, quixen tomar certa distancia, como escritor. O obxectivo non era facer un relato militante, poñerme dun lado, porque iso é innecesario e non é o meu traballo. Só quería falar, o máis honradamente posible, do que recordaba"

Libros recomendados o 17 de xullo de 2009 Escoitar programa 17/07/09 (WAV - 3,374.5 KB)

  • Infantil (de 10 a 12 anos): Circo Rigatoni, de Pinto & Chinto (editado por Everest Galicia). Obra formada por catorce relatos que nos presentan, de forma humorística e con matices surrealistas, un estrafalario grupo de personaxes circenses cunha suxerentes ilustracións.
  • Mozos/as e adultos/as: Elegía para un americano, de Siri Hustvedt (editado por Anagrama). Despois da morte de seu pai, Erik e Inga, atoparon no seu estudo unha misteriosa carta dunha tal Lisa. Ao mesmo tempo que imos lendo partes do diario de seu pai, vemos os pasos que van dando para intentar descubrir a que se refire esa carta, e a través dunha narración en primeira persoa, Erik (psicanalista de Nova YorK) vainos contando a súa vida e a da súa irmá Inga (filósofa e escritora) que quedara viúva facía 5 anos. Novela que narra historias de vidas cruzadas, que nos fala da complexidade do ser humano, que ademais de gozar coa súa lectura pode facernos reflexionar sobre como somos as persoas ou como nos comportamos, que nunca se chega a coñecer unha persoa totalmente e que sempre hai ou pode haber algún segredo.

Libros recomendados o 10 de xullo de 2009 Escoitar programa 10/07/09 (WAV - 2,699.9 KB) 

  • Infantil: Hasta el infinito, de Kveta Pakovská (editado por Factoría K de Libros). Fermoso libro desta ilustradora checa, dirixido a todos os públicos, para contemplar e deleitarse observando as diferentes páxinas, para que os nenos e nenas gocen con diversos conceptos artísticos y las persoas adultas redescubran o alfabeto e os números. A propia autora nos di que “o álbum ilustrado é o primeiro museo que o neno descobre.
  • Mozos/as e persoas adultas: En el café de la juventud perdida, de Patrick Modiano (editado por Anagrama). Ambientada no París dos anos 60. No Café Le Condé reúnense poetas, artistas, estudantes... todos eles fascinados pola vida bohemia parisina. Novela escrita con gran sensibilidade, na que o autor indaga sobre a psicoloxía feminina.

Libros recomendados o 3 de xullo de 2009 Escoitar programa 03/07/09 (WAV - 2,361.7 KB) 

  • Infantil (de 6 a 8 anos): Os tres bandidos, de Tomi Ungerer (editorial Kalandraka). É un clásico contemporáneo de literatura infantil, pero segue sendo unha obra innovadora tanto pola historia que conta como pola orixinalidade das súas ilustracións.
  • Mozas/os e persoas adultas: La lámpara de Aladino, de Luis Sepúlveda (editado por Tusquets). Este libro está formado por doce relatos, e o último é o que lle dá título. Neles podemos coñecer distintos lugares como a Patagonia, a Alejandría de Kavafis, Hamburgo, Santiago de Chile ou Puerto Edén.