A nova Comisión foi elixida pola Asemblea Xeral, na que participan representantes de 99 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo. Desta maneira, queda configurada a rede solidaria do municipalismo galego que seguirá incorporando a defensa dos Dereitos Humanos á axenda local.
Nestes intres, o Fondo Galego está a apoiar sete actuacións directas ou a través de ONGD galegas no Sáhara, Mozambique, Guinea-Bissau, Guatemala, Nicaragua e El Salvador. Ademais, proximamente se celebrará na Illa do Príncipe o IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía e organizarase unha misión aos campamentos de persoas refuxiadas saharauís.
O Concello de Oleiros foi un dos municipios que impulsou a fundación do Fondo Galego no ano 1997. Oleiros ostentou a presidencia deste organismo durante 15 anos a través do concelleiro Alfredo Novoa Gil.