Por segundo verán consecutivo, a Xunta incumpriu o seu compromiso de acometer as obras de mellora do comedor reclamadas en reiteradas ocasións por parte do Concello e da ANPA. Os representantes autonómicos tiveron a desvergoña de alegar “humidade nas paredes” para non facer as obras, cando acabamos de pasar o verán máis seco da historia, unha auténtica burla que completaron afirmando que realizarían as obras nun próximo período vacacional.
Por parte do Concello vaise encargar de inmediato un informe técnico para determinar o actual estado de salubridade do comedor e determinar se debe continuar aberto ou non. Ademais, o alcalde reunirase coa ANPA para consensuar todas cantas accións sexan necesarias para resolver esta situación, que non se pode prolongar durante máis tempo.
O ensino é unha competencia autonómica e é a Xunta de Galicia á que lle corresponden este tipo de actuacións, non ao Concello. Á administración municipal só lle corresponden os mantementos menores. Lamentablemente, a Xunta rara vez asume as súas obrigas coa axilidade que se require, tal e como están a sufrir os nenos e nenas do colexio de Santa Cruz.
Por parte do Concello, durante este verán, realizáronse distintas obras menores de mantemento en todos os centros, a petición das direccións e das ANPA.