O Concello de Oleiros dará continuidade ao seu compromiso feminista e á labor desenvolta ao longo destes anos cara a consecución dunha igualdade real e efectiva entre homes e mulleres ademais de loitar contra todo tipo de violencias machistas.
O Concello de Oleiros sacou a contratación un novo programa en igualdade composto por un servizo de asistencia técnica e distintas actividades de autocoidado e bo trato para continuar a senda cara unha igualdade real entre mulleres e homes no noso municipio.
No relativo á asistencia técnica está dirixido a traballar coa poboación a nivel individual como cos profesionais das diferentes áreas municipais, colectivos, entidades do tecido asociativo, centros de ensino, clubs e demais axentes sociais, culturais, educativos, políticos e empresariais... Este servizo deberá prestar apoio e asesoramento no deseño e implementación de medidas, elaboración de propostas, elaborar o III Plan de Igualdade do Concello de Oleiros, deseñar, planificar e executar actividades dirixidas a conmemorar datas significativas desde o punto de vista da igualdade (8M-Día da Muller, 17M-Día Internacional contra a LGTBIfobia, 28X-Día Orgullo LGTBIQ+ e 25N-Día da Eliminación da Violencia contra as Mulleres) para o que se contará cunha persoa especialista en políticas de xénero, unha técnica de comunicación e tres persoas especializadas para atender os puntos violetas que se instalen en festexos e eventos nocturnos.
Para as actividades prevense a realización de obradoiros asentados e que gozan de gran acollida entre a poboación como son os obradoiros do corpo (actividade corporal deseñada para o apoderamento das mulleres e fomentar hábitos de vida saudables, favorecer a vida social das mesmas e potenciar o sentimento de valoración e respecto; entre outros fins), as actividades de Móvete+ (actividade deseñada para mulleres que atravesan ou xa atravesaron un proceso oncolóxico mellorando a súa calidade de vida, autoestima e tentando paliar as secuelas –tanto físicas como mentais- dos tratamentos...) ou o Programa “Coñecerse é vivirse” (obradoiro de autocoñecemento para mulleres coa fin de conseguir un estilo de vida positivo, saudable, respectuosos e de bo trato a nivel individual como grupal).
O investimento municipal para este programa cunha duración de 2 anos é de 328.156,88 euros.