Oleiros, 24 de marzo de 2017-. O embaixador Palestino en España, Musa Amer Odeh, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, a artista Najla Shami, o alumnado do IES María Casares e máis dun cento de veciños e veciñas participaron esta mañá no acto de celebración do Día da Terra Palestina que organizou o Concello de Oleiros na praza de Belén. Autoridades, mozos, mozas e varios asistentes ao acto participaron na plantación dunha oliveira coa que se pretende simbolizar a amizade entre o pobo palestino e o pobo de Oleiros.
Durante as súas intervencións, o embaixador, o alcalde e Najla Shami denunciaron a situación na que se atopa o pobo palestino. Todos eles reivindicaron a necesidade de xustiza e paz para rematar coa ocupación e co asoballamento que padecen os palestinos por parte do exército israelí.
O Goberno municipal denunciou e denunciará constantemente a situación á que o Estado de Israel, coa complicidade e apoio dos demais gobernos de Occidente, ten sometido ao pobo Palestino. De feito, son numerosas as campañas e programas de cooperación internacional desenvolvidos ao longo dos anos desde Oleiros para apoiar á poboación palestina. Na propia urbanización de Canide, onde tivo lugar o acto, as rúas e prazas teñen nomes de cidades palestinas.