O vindeiro sábado, 9 de abril, ás 12.00 h no Centro Ágora, terá lugar o acto de adhesión de novos concellos ao programa Apego. Ademais o acto irá acompañado do concerto “Arrolos de salitre”, con Xabier Díaz e Guillerme Fernández. O concerto será aberto e de balde ata completar a capacidade da sala.
Un programa que ten xa un ano de andaina, pois en marzo de 2015 asinaban un protocolo de colaboración os concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo. Nacía o programa Apego para promover e arroupar a transmisión da lingua aos nenos e nenas.
Os concellos participantes puxeron en marcha diversas accións, centradas nas crianzas entre 0 e 6 anos mais que abranguen os diferentes contextos da vida dos nenos e nenas. Deseñáronse e distribuíronse materiais específicos, organizáronse actividades, achegáronse argumentos, información e recursos…, para as familias e para os profesionais. En todas as accións do proxecto resalta a valoración positiva da lingua e a necesidade de que colectiva e individualmente nos comprometamos con este herdo para que no futuro os nosos nenos e nenas poidan seguir gozando del.
O Apego mantense desde os servizos de normalización dos concellos participantes, impulsados inicialmente pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e para a súa difusión recórrese tamén á rede: www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal.
A comunidade creada en torno ao Apego foi medrando con miles de nais e pais que se foron sumando, cun amplo seguimento nas redes sociais e tamén coa cooperación entre entidades diversas.
Chegou o momento de incorporar outros concellos que manifestaron o seu interese por sumarse a este programa desde os respectivos servizos de normalización.
O próximo sábado asinarán a adhesión 11 novos concellos promotores de Apego pola lingua: A Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo. Deste xeito poderase chegar a máis familias para cumprir cos obxectivos sinalados, estendendo o programa a municipios de variado tamaño, situación sociolingüística ou posición xeográfica.