Novas

NOVAS

Atrás O Concello organiza un espectáculo de Migallas Teatro para o alumnado de 3º, 4º e 5º de primari

Oleiros, 4 de maio de 2011-. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros organizou o espectáculo Camiño de historias que terá lugar no auditorio Gabriel García Márquez de Mera este xoves 5 de maio para o alumnado de terceiro, cuarto e quinto de primaria dos centros de ensino públicos do Concello.

Esta actuación de Migallas Teatro está constituída por varias historias de tradición oral, procedentes de distintos continentes e enlazadas mediante cancións e ditos populares, co fin de difundir a literatura popular infantil de Galicia. O feito de seren historias tradicionais non quere dicir que se afasten dos nenos e das nenas de hoxe en día, pois os contidos que se tratan son actuais: o ciclo da vida, o valor da humildade e da honradez, o afán de posuír xoguetes, a importancia da música e da festa, o consentimento por parte dos pais e das nais ante os caprichos... Migallas Teatro realiza un espectáculo onde se relatan contos, hai teatro de monicreques e se interpretan cancións tradicionais galegas.

Os obxectivos principais de Camiño de historias son promover o uso da lingua entre os nenos e as nenas, dar a coñecer a literatura popular infantil de Galicia, crear unha actitude positiva cara ao galego e comezar a celebrar o Día das Letras Galegas dun xeito lúdico e adaptado a este alumnado.