Oleiros, 11 de abril de 2012-. Un total de 365 persoas maiores de 60 anos xa se inscribiron para participar nas rutas de excursionismo para maiores, Galicia en Letras, que organizan os Servizos Sociais do Concello de Oleiros. Os veciños e as veciñas de Perillo, Montrove, Oleiros, Iñás e Santa Cruz xa se inscribiron para participar nas rutas de excursionismo que a Concellería de Servizos Sociais organiza para os maiores de 60 anos de Oleiros.
Ao longo desta semana poderán inscribirse as persoas das localidades de Dorneda e Maianca, a semana próxima serán os veciños e veciñas de Serantes, Dexo e Lorbé os días 17,18 e 19 de abril e por último, os veciños de Nós os días 20, 23 e 24 de abril. As inscricións faranse neses días, no teléfono de atención ao veciño 981 610 000 en horario de 16.00 a 20.00 horas. As persoas deberán comunicar o nome e apelidos, número de DNI, data de nacemento e a parada de autobús onde collerá o autobús.
Por outra banda, as persoas que desexen apuntarse as rutas de sendeirismo, poderán facelo os días: 25, 26, 27 e 30 de abril da mesma forma. As excursión teñen un prezo público que as persoas participantes poderán aboar entre o 21 de abril e o 18 de xuño. Para facilitar a tramitación do pagamento, facilitaráselles ás persoas participantes a información e a documentación necesaria no autobús na primeira ruta que fagan.
Nestas excursións só poderán participar as persoas que teñan cumpridos os 60 anos e se atopen empadroadas en Oleiros. No caso dos cónxuxes menores de 60 anos, poderán acudir a excursión, pero sempre que o fagan na compaña da súa parella. O Concello de Oleiros aprobou un regulamento que pode consultarse nas oficinas de Servizos Sociais e na páxina web www.oleiros.org.
As persoas interesadas poden recoller o folleto informativo de Galicia en Letras en calquera das Casas do Pobo do Concello de Oleiros, nas bibliotecas municipais, na Casa do Concello, na Fábrica, no Centro de Formación Isaac Díaz Pardo e nas oficinas de Servizos Sociais.
Máis información de Galicia en Letras
O Concello de Oleiros quere transportar aos maiores nunha viaxe diferente, a unha experiencia única, seguindo as pegadas das letras. Percorrerán os lugares onde naceron, viviron e escribiron figuras da literatura galega tan importantes como Valle Inclán, Castelao, Emilia Pardo Bazán ou Xosé Neira Vilas.
Rutas de excursionismo
Arousa Norte, berce de literatos. Coñece Rianxo e a Pobra do Caramiñal da man de Castelao e Valle Inclán.
Cantigas do mar de Cangas. Seguindo os xograres medievais descubriremos Cangas, a Costa da Vela e a pequena ría de Aldán.
Viaxe as terras encantadas de Monforte. A través da obra de tres autores monfortinos, Manuel María, Lois Diéguez e Lois Pereiro viaxaremos ás terras de Lemos.
Rutas de sendeirismo
Os bosques escondidos de Oleiros. Oleiros conserva espazos máxicos onde o escritor e o lector pode buscar a tranquilidade e a inspiración.
Ruta pondaliana. Entre as paisaxes de Ponteceso e o Dolme de Dombate que inspiraron a Eduardo Pondal e moitos autores da Costa da Morte.
Terras de Miranda. As terras recreadas por Álvaro Cunqueiro de camiño a Mondoñedo.
Memorias dun neno labrego. No cerne de Galicia entre os ríos Ulla e o Deza seguindo os pasos de Balbino, o personaxe do escritor Xosé Neira Vilas.