Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Un autobús gratuíto levará aos veciños e veciñas á IV Andaina contra a Violencia de Xénero

Oleiros, 18 de novembro de 2015-. O vindeiro 21 de novembro vaise celebrar, na localidade veciña de Sada, a IV Andaina contra a Violencia de Xénero organizada polo Plan Coordinador de Servizos Sociais do Consorcio As Mariñas. A poboación de Oleiros sempre participou de forma moi activa nesta andaina nas anteriores edicións e aínda que serán moitas as persoas que acudan pola súa conta, o Concello de Oleiros fretará un autobús gratuíto para facilitar a asistencia daquelas persoas que o desexen.

O autobús sairá da explanada que hai a carón da Fábrica, en Perillo, ese día ás 09:45 h e retornará ao mesmo punto ás 13:15 h, aproximadamente. Para poder ir no bus será necesario inscribirse previamente a través do teléfono de atención ao veciño, 98 610 000, en horario de mañá e tarde. O último día para inscribirse será o venres 20 de novembro ás 14:00 h. A ocupación das prazas farase por rigorosa orde de inscrición.

O percorrido da andaina, duns 4 quilómetros aproximadamente, transcorre polas principais zonas de Sada, saíndo da casa da Cultura ás 10:30 h. Ao seu remate haberá un pequeno acto a prol da igualdade e en contra da violencia de xénero.

Esta andaina, que na súa primeira edición transcorreu en parte polo Concello de Oleiros, está organizada polo Plan Coordinador de Servizos Sociais do Consorcio As Mariñas, do que Oleiros é o responsable de liderar as súas actuacións.

Invítase a participar nesta andaina a todas as veciñas e veciños de Oleiros, grandes e pequenos, co fin de amosar o compromiso e unión da nosa sociedade na loita contra a violencia e pola igualdade entre xéneros.
 

back link