Oleiros, 26 de xullo de 2013-. O Concello de Oleiros convocou o pasado mes de xuño as prestacións de apoio á escolarización, cun orzamento de 6.000 €, dentro das medidas contra a exclusión social que ten establecidas a Concellería de Servizos Sociais. O Goberno local trata con esta medida de apoiar a aquelas familias que se atopan nunha situación máis desfavorecida nos gastos extraordinarios que provoca o inicio do curso escolar.
Nesta convocatoria presentáronse 53 solicitudes para un total de 83 menores, todos eles escolarizados nos centros públicos de ensino do concello. Tras rematar o prazo establecido para presentar as solicitudes e unha vez revisadas, publicouse o día 23 de xullo, unha listaxe provisional onde se recollen aquelas que están incompletas e a documentación que teñen que presentar.