Oleiros, 20 de xuño de 2014.- O Concello de Oleiros convértese nun fervedoiro cultural durante esta fin de semana, á programación cultural do Concello, que inclúe espectáculos de danza e teatro súmanse varios actos organizados por varias asociacións culturais do municipio. Deste modo, o sábado a partir das 20.30 horas no teatro do centro cultural As Torres, a Coral polifónica de Lembranzas de Santa Cruz celebra un concerto para festexar o seu vixésimo aniversario. Así mesmo, a Coral Airiños de Nós celebra este domingo día 22 o XI Certame de Canto Coral. A formación estará acompañada polas corais A Forna de Porriño, A.C. A Oliveira de Monte Branco(Ponteceso) e Coral da Gaiteira (A Coruña). O acto terá lugar na igrexa de San Pedro de Nós ás 20.00 horas.