Oleiros, 19 de setembro de 2014-. O Concello de Oleiros realizou a primeira hora desta mañá o envío de máis de 550 quilos de material sanitario con destino á franxa de Gaza. Os medicamentos recollidos nas farmacias do municipio ao longo das pasadas semanas dentro da campaña nacional organizada pola Asociación Médica Hispano Palestina viaxan rumbo á Embaixada de Palestina en Madrid, desde onde partirán rumbo a Gaza nun convoi colectivo que inclúe material recollido noutras zonas do país.
Hemeroteca
Dende Outubro 2010
En total os veciños e veciñas de Oleiros contribuíron en asistir a crise humanitaria que sofre o pobo palestino con máis de 550 quilos de analxésicos, antiinflamatorios, tranquilizantes, antibióticos ou pomadas para queimaduras entre outros medicamentos de vital importancia nos territorios palestinos nestes momentos. Ademais recolleuse numeroso material funxible, dentro do cal se inclúen útiles como vendas, gasas, muletas, sondas, vías, guantes, máscaras ou unha bomba para alimentación parenteral.
O Goberno local quere agradecer o compromiso mostrado polos veciños e veciñas do municipio, así como agradecer ás farmacias do Concello a súa importante participación neste proceso. Así mesmo, a institución municipal quere mostrar o seu recoñecemento aos voluntarios que traballaron na difícil tarefa de clasificar e inventar todo o material.