Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Oleiros presenta o Programa de actividades de verán 2012

Oleiros, 20 de abril de 2012-. O Goberno local de Oleiros presentou esta mañá no hall do complexo cultural a Fábrica de Perillo o Programa municipal de actividades de verán para nenos, nenas e mocidade. No acto participaron a concelleira de Cultura e Normalización Lingüística, Esther Garrido, a concelleira de Deportes, Teresa Vázquez e a concelleira de Ensino e Xuventude, Sandra Fernández. Segundo explicaron as concelleiras, a  maioría destas actividades levaranse a cabo nos meses de xullo e agosto.

«Un ano máis poderán participar nesta oferta a poboación de entre 3 e 18 anos e elixir entre actividades moi variadas: campamentos, excursións, deportes acuáticos, diferentes obradoiros que se desenvolverán principalmente dentro do noso territorio e nas instalacións municipais e noutros casos como son as excursións e algún campamento, as persoas participantes poderán descubrir outros lugares que entendemos dun alto nivel cultural e lúdico», sinalou Teresa Vazquez.

O Concello oferta un total de 1.164 prazas, onde subvenciona a todas as persoas empadroadas un 40% da actividade. «O esforzo económico do Concello é moi importante, xa que como indiquei con anterioridade apostamos firmemente por manter o mesmo número de prazas, as mesmas actividades», afirmou a edil de Deportes. «Iso si, a calidade dos distintos programas segue a manterse. Neste punto engadir que no caso de quedar prazas vacantes os nenos e as nenas non empadroados terán opción de participar, iso si pagado o 100% do custo da actividade», concluíu.

O prazo de preinscrición comeza o próximo luns día 23, podendo realizala de xeito presencial na conserxería da Fábrica de 8.30 a 14.30 horas ou a través do portal web municipal. No caso de ter máis solicitudes que prazas, o día 25 de maio ás 13.00 horas procederase a realizar un sorteo público no auditorio da Fábrica para elaborar a lista de persoas admitidas e a lista de espera para cubrir posibles baixas. Todos as persoas interesadas poderán solicitar participar en varios programas pero só poderán participar nunha quenda dun mesmo programa agás que quedaran prazas vacantes. Toda esta información está dispoñible de forma ampla e detallada no folleto informativo das actividades e na folla de inscrición que está colgada na páxina web do Concello de Oleiros.
 

back link