Oleiros, 6 de outubro de 2015-. O xoves, ás 19 horas, realizarase a presentación do libro Cadros dunha exposición, de José Antonio Abad, no teatro de As Torres de Santa Cruz . O escritor estará acompañado do ilustrador Xosé Cobas, creador dos debuxos que acompañan ao texto.
José Antonio Abad é psicólogo e pedagogo, especialista en proxectos educativos. Durante máis de dez anos foi director do centro de Educación Infantil Pino Montano de Sevilla e ao trasladarse a Galicia dirixiu o Departamento de Divulgación da Música na Orquestra Sinfónica de Galicia. Organizou o Programa Municipal Descubrir a música do Concello de A Coruña, os Domingos con música do Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa e levou a cabo diferentes concertos didácticos para as familias en varias cidades españolas. É autor de varios libros infantís como: Hércules e Crunia, As catro estacións, O carnaval dos animais, O oso fabuloso, Timoteo, El amigo fiel, El abuelo saxo, etc.. Actualmente goza da súa xubilación escribindo “contos con música” para nenas, nenos, mozas e mozos.
Xosé Cobas é pintor, deseñador gráfico e ilustrador. Expuxo por vez primeira en 1977, na cidade da Coruña. A partir de 1980 compaxinou a pintura co deseño gráfico e a ilustración, e dende 1988 centra a súa actividade de ilustrador na literatura infantil e xuvenil. Ten traballado con autores de prestixio como os galegos Juan Farias, Xabier P. Docampo ou Fina Casalderrey (os tres contan co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que outorga o Estado Español). Desde 1991 traballa como deseñador gráfico para a Deputación da Coruña.
Ao longo da súa traxectoria ilustrou máis dun cento de libros de diversos xéneros e recibiu varias distincións: Premio FETEN ao mellor libro de teatro ilustrado (2002), Gourmand World Cookbook Awards (Estocolmo, 2004) ao mellor libro do mundo de literatura gastronómica en lingua española, Premio Isaac Díaz Pardo (2008) e Premio Xosé Neira Vilas (2014). Ademais, foi incluído en dúas ocasións na lista The White Ravens da Biblioteca Internacional de Munich.
No argumento do libro pasearemos con Ocazul, unha gansa noviña que nun despiste abandona o grupo das súas compañeiras e entra no Museo Hermitage de San Petersburgo. Alí, ao ritmo da música de Mussorgsky (que tamén escoitaremos nesta presentación), contempla as pinturas de Hartmann. A súa curiosidade fai que os cadros alí expostos cobren vida coa súa presenza, deste xeito temos nós o privilexio de gozar co percorrido polos salóns do Museo de San Petersburgo. Os cadros toman vida, facendo desta visita unha experiencia inesquecible, a medio camiño entre a realidade e a fantasía. Un libro-disco para espertar a curiosidade artística e a imaxinación”.