Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O voluntariado de Oleiros inicia unha nova campaña de recollida de alimentos

Oleiros, 4 de novembro de 2015-. O Voluntariado de Oleiros iniciou unha nova campaña de recollida de produtos de alimentación a través do seu proxecto Banco Solidario. A campaña desenvolverase ata o próximo 13 de novembro nos centros de ensino secundario e nas escolas infantís do Concello de Oleiros. Nesas dúas semanas o alumnado, as familias e o profesorado poden depositar nos puntos de recollida dos centros os produtos para os que se pide a colaboración.

Con esta recollida péchase o proxecto “Catro estacións solidarias” creado e desenvolvido polo Voluntariado de Oleiros durante este ano 2015. O obxectivo desta campaña era levar a cabo unha recollida, en cada estación do ano, en distintos lugares, dos produtos relacionados cunha das comidas diarias: almorzo, comida, merenda e cea. Nesta última fase, vanse recoller os produtos relacionados coa merenda nas escolas infantís e coa cea nos institutos.

Todos os produtos que se recollan pasarán a integrar o fondo do Banco Solidario, proxecto creado desde o Voluntariado de Oleiros para complementar as actuacións que se levan a cabo desde outros programas municipais, así como os realizados por outras entidades sociais do concello.

O equipo de voluntarias e voluntarios de Oleiros segue a traballar arreo por canalizar a solidariedade veciñal e participar de forma activa na resolución dos problemas da sociedade, colaborando en distintos proxectos co obxectivo final da inclusión social.
 

back link