Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Tribunal Superior de Galicia apoia a actuación do Concello sobre a urbanización Finca Carnice

Oleiros, 30 de marzo de 2012-. O Concello de Oleiros informa de que a sala do contencioso administrativo da Sección Segunda do Tribunal Superior de Galicia fallou a favor do Concello de Oleiros no recurso presentado contra a sentenza do 2 de outubro de 2009 na que particulares pedían a anulación de acordos do Concello en relación á futura urbanización situada nas inmediacións da ponte da Pasaxe e a ría do Burgo, coñecida como Finca Carnicero.

No escrito, a sala do Tribunal Superior de Galicia dá validez á resolución do 29 de setembro de 2004 onde se autoriza que, en substitución á cesión dos terreos como pagamento do aproveitamento urbanístico, este se fixera en efectivo. A sentenza sinala que esta actuación do Concello de Oleiros está contemplada no artigo 172.2 da Lei 9/2002 de Galicia. Así mesmo, a sala dá por válida a aprobación do proxecto de compensación aprobado pola tenente de alcalde e coa abstención do alcalde, Ángel García Seoane, dado o seu parentesco coa letrada asesora da xunta de compensación.

A sentenza referenda ademais o estudo de detalle que prevé un uso privativo baixo o rasante da vía Número Un deste ámbito. Neste estudo de detalle catalógase como solo público con uso privado baixo rasante este espazo e, en compensación ao seu uso, os promotores deben entregar ao Concello de Oleiros unha parcela que era edificable e na que se manterán as árbores existentes, xa que este espazo pasaría a formar parte dun gran parque público que dará servizo a esa zona do contorno da ría da Pasaxe.

O Concello mostra a súa satisfacción pola sentenza e lamenta que a interposición deste recurso por parte de particulares impedise levar a cabo ao longo destes últimos anos a ordenación deste solo e a recuperación ambiental das inmediacións da rúa Xesteira e o paseo marítimo da ría nese punto.
 

back link