Oleiros, 17 de abril de 2012-. O traballo que o Concello de Oleiros leva a cabo a través do seu programa Descubrindo emocións, dirixido ás persoas coidadoras de dependentes, foi recoñecido a nivel nacional polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. A revista especializada editada polo propio Ministerio 60 y más, recolle o labor dos Servizos Sociais de Oleiros nunha ampla reportaxe titulada El cuidador familiar, una entrega silenciosa.
Este novidoso programa municipal céntrase no apoio ao coidador e ten por obxectivos mellorar a calidade de vida destas persoas e reducir a aparición de trastornos psicolóxicos implicados na tarefa de coidar. As persoas participan inicialmente a través de obradoiros, que xeralmente teñen unha duración de oito sesións semanais de hora e media. Unha vez que rematan estas sesións se incorporan ao programa, que se reúne en sesións máis longas de ata dúas horas e media, en dúas sesións mensuais de forma continuada. O programa ofrece ás persoas coidadoras un espazo terapéutico de apoio. Ademais nos grupos ten a oportunidade de conectar con outras persoas con intereses comúns.
Ademais o Concello de Oleiros complementa esta actuación con accións formativas como o programa Convivir coa demencia que informa os coidadores e coidadoras dos recursos que pode ter a súa disposición e profunda en determinados aspectos da enfermidade.
Así mesmo, a publicación do Ministerio de Sanidade realiza un amplo estudo das características do programa de intervención con persoas coidadoras que se están desenvolvendo en Oleiros e que comparte cos municipios de Chantada e A Coruña. Tres experiencias que traballan en rede co obxectivo de ofrecer unha serie de recursos a este colectivo que reforce o seu benestar. Estes grupos levan traballando conxuntamente desde o ano 2011 co obxectivo de mostrar o traballo que realizan en cada grupo e establecer estratexias comúns. Reúnense periodicamente nos denominados Encontros nos que intercambian experiencias e reflexións sobre diferentes aspectos que poden axudalas a elas e a outras persoas coidadoras. Realizáronse xa dous encontros e na actualidade están traballando na organización do 3º Encontro que terá lugar o próximo 11 de maio na localidade da Coruña.