Oleiros, 24 de setembro de 2015-. O pleno ordinario celebrado esta tarde na Casa Charry aprobou todos os puntos da orde do día establecidos para a sesión. Entre as cuestións tratadas estivo a moción coa que se lle esixe ao Ministerio de Facenda que as comisións de festas e entidades veciñais que promoven e organizan festas de carácter popular non sexan tratadas como empresas ao uso. O texto será enviado ao Ministerio de Facenda, á Xunta de Galicia, ás organizacións sindicais máis representativas e nas que estean representados os músicos, as comisións de festas de Oleiros e aos gobernos das Deputacións provinciais galegas.
Para o Goberno municipal, as festas galegas atópanse baixo o punto de mira do ministro Cristóbal Montoro, dado que pretende levar a cabo unhas medidas alonxadas de toda a realidade coa inclusión das comisións de festas na nomenclatura de entidades obrigadas a darse de alta como se fosen auténticas empresas con CIF, declaración de ingresos, etc... esquecendo que estes colectivos están formados por voluntariosos veciños e veciñas sen ánimo de lucro de ningún tipo e que cada ano se xuntan, dedicando moitas horas do seu tempo libre, para tratar de preservar tradicións que teñen a súa orixe moitos ano e sécalos atrás. É por iso que coa moción aprobada hoxe polo pleno se lle solicita ao Ministerio de Facenda que o control sobre as comisións de festas procure garantir que as actuacións musicais estean amparadas en contrato laboral, que deberán aportar obrigatoriamente para a solicitude do permiso correspondente, como vén acontecendo nalgúns Concellos.
O pleno do Concello de Oleiros tamén declarou o seu o apoio unánime e solidario para coas Vítimas da Talidomida en España, en particular coa entidade AVITE, pola súa loita incansable a prol das vítimas desde fármaco en España e pola débeda histórica que o noso país ten cos afectados e as súas familias desde hai xa máis de sesenta anos. A proposta partiu dunha moción presentada polo Goberno municipal, na que se lle solicita á farmacéutica alemana Grunenthal -imperio farmacéutico mundial, tamén afincada en España e responsable da masacre descrita- a que indemnice aos afectados españois. Do mesmo xeito, tamén se insta ao Presidente do Goberno de España para que, a través do organismo que corresponda, filtre quen pode ser afectado ou non da Talidomida e conceda pensións vitalicias ós afectados ata o seu pasamento, tal e como están a facer o resto dos países do mundo.
Outra das mocións aprobadas expúxoa a Confederación Intersindical Galega. A CIG presentou unha proposta aos concelleiros na que se lle reclama á Xunta de Galicia unha tarifa enerxética xusta para todos os galegos e galegas que permita rematar coa denominada pobreza enerxética.
Na sesión, tamén se fixo pública unha declaración institucional do Concello de Oleiros ante a situación de crise das persoas que veñen fuxindo da guerra nos seus países de orixe (especialmente Siria), a maior en Europa desde a II Guerra Mundial. O texto considera imprescindible instar ás altas esferas do Goberno do Estado e da Unión Europea para que actúen tendo en conta a magnitude da situación, denunciando ademáis os crimes de guerra cometidos ante os tribunais superiores de xustiza, como o Tribunal da Haya. Desde o Concello de Oleiros tamén se lle demanda ao Estado español que se responsabilice, con cargo aos seus orzamentos, das achegas e axudas para as persoas que se acollan nos concellos españois con carácter de refuxiadas.
A proposta do Goberno municipal quedaron fixados os dous festivos locais para o ano 2016. Os días elixidos son o martes de carnaval -9 de febreiro- e o luns de pascua -28 de marzo-. Así mesmo, quedou aprobada a Conta Xeral do Concello de Oleiros.