Oleiros, 20 de abril de 2012-. O Concello de Oleiros informa de que as alegacións formuladas ao informe de impacto ambiental do futuro Plan director do aeroporto de Alvedro foron incluídas no dito documento por parte da Dirección Xeral de Aviación Civil, segundo comunicou por escrito o Ministerio de Fomento.
Na alegación presentada polo Concello de Oleiros demandábase que se especificase por escrito a afección acústica do citado aeroporto á vista dos mapas de ruído e dos traballos preliminares de impacto medioambiental incluídos na proposta de informe para o dito plan director. Así mesmo, no escrito presentado o Concello sinalaba a necesidade de coñecer a zona de afectación do ámbito da pegada que na actualidade afecta ás parroquias de Dorneda e Liáns nunha zona de dous millóns de metros cadrados.
O Ministerio de Fomento, con data do 2 de abril, notifica a resolución da Dirección Xeral de Calidade, Avaliación Ambiental e Medio Natural pola que se aproba o documento de información para a avaliación ambiental do plan director do aeroporto da Coruña e no que se recolle a redución dos efectos sonoros sobre o contorno urbano do aeroporto e no que se sinala que debe asumirse como un obxectivo propio deste plan director. Ademais o dito documento fai referencia ao funcionamento da instalación e á limitación do horario diúrno, coa que se podería anular a afectación acústica. Proponse ademais variar a pegada acústica do 2001 pola de 2006, efectuada polo secretario Xeral de Transporte, pegada que tamén defende o Concello e que reduciría o ámbito desta aos límites da Ría do Burgo, na parroquia de Liáns.