Oleiros, 31 de marzo de 2016-. O Goberno municipal aprobou no pleno celebrado hoxe unha declaración de condena do vergoñento pacto asinado hai uns días pola Unión Europea e Turquía. O Goberno denuncia no documento “a absoluta insensibilidade dos líderes europeos coa crise humanitaria das persoas refuxiadas xa que o pacto asinado non busca garantir os dereitos humanos dos que foxen da guerra, senón que é unha fórmula ou artimaña xurídica para lexitimar as expulsións masivas cara Turquía, prohibidas no artigo 19 da Carta de Dereitos Fundamentais da UE”.
Esta declaración amosa unha vez máis que o Goberno local non se conformará con ser mero espectador mentres a Unión Europea actúa de forma totalitaria e que seguirá defendendo os dereitos das persoas refuxiadas. O Concello de Oleiros non quedará calado ante esta barbarie dos Gobernos terroristas da Unión Europea e Turquía.
Ademais, a sesión plenaria de hoxe tamén serviu para aprobar o regulamento municipal de acción voluntaria no Concello de Oleiros que recolle os principios, valores, áreas de actuación e o modelo de organización do voluntariado no municipio. O documento foi redactado polos propios voluntarios en colaboración cos técnicos municipais, pois tal e como entende o Goberno municipal o voluntariado debe ser tan participativo na execución como no deseño e na organización.
Ademais, tamén se acordou concederlle unha subvención nominativa de 7.500 euros ás Mercedarias Misioneiras de Berriz para a realización e desenvolvemento dun proxecto educativo en Guatemala.