Oleiros, 23 de outubro de 2013-. O Goberno local participará mañá na manifestación en defensa da educación pública que terá lugar na cidade da Coruña. O grupo de goberno oleirense mostrouse en contra desta reforma educativa desde o seu planteamento por parte do executivo central. Así mesmo, participou e prestou apoio ás distintas iniciativas levadas a cabo dentro e fóra do municipio polos distintos colectivos que esixen a retirada deste proxecto polo seu carácter segregador e retrogrado.
O sistema educativo que impón a LOMCE é un sistema afastado do noso país, da nosa cultura, da nosa historia e da nosa lingua, é dicir, de todo aquilo que nos conforma como pobo. Un sistema que pretende formar persoas desarraigadas que non se recoñezan no contexto que as rodea, converténdoas en analfabetas.
Xunto a reforma da LOMCE, o Goberno está levando a cabo recortes como os executados a través do Real decreto de becas e axudas ao estudo ou o Decreto de comedores que son un paso máis no desmantelamento do sistema educativo público. Esta eliminación da educación pública de calidade esconde unha forte carga ideolóxica e fomenta a desigualdade entre os cidadáns en función dos seus recursos económicos.
O Goberno local de Oleiros invita a todos os oleirenses concienciados con este problema a que acudan mañá á manifestación convocada pola Plataforma en prol do Ensino Público que partirá da praza da Palloza ás 19.30 horas.