Oleiros, 29 de outubro de 2015-. O próximo día 8 de novembro celebrarase a XXVI edición da Feira do Mel. Perillo volverá acoller un ano máis aos mellores apicultores galegos e españois que virán a esta feira a expoñer e vender os seus mellores produtos. Os visitantes poderán coñecer e adquirir todo tipo de alimentos e artigos relacionados co mel, desde os máis tradicionais ata os cosméticos.
Esta feira, despois de vinte e cinco edicións, mantén fiel o seu espírito inicial de apoiar os novos produtores. Nesta ocasión haberá 34 expositores e varios obradoiros infantís para que os máis pequenos e pequenas coñezan este universo da apicultura.
O programa da XXVI Feira do Mel complétase cunha serie de actividades de ocio que se prolongarán ata a última hora da tarde. A programación prevista é a seguinte:
10:00 h Apertura
12:00 h Actuacións de grupos folclóricos do Concello de Oleiros
13:00 h Actuación da Banda da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros
16:30 h Animación infantil para nenos e nenas
18:15 h Magosto e queimada amenizada pola orquestra Os Trovadores