Oleiros, 7 de decembro de 2018-. Entre os días 11 e 18 de decembro o Concello de Oleiros desenvolverá unha campaña de recollida de produtos de hixiene e alimentos para nenos e nenas sirios refuxiados en Grecia. As entregas poderán realizarse nos centros educativos, na Casa do Concello, na Fábrica e nas farmacias do municipio.
O que se solicita é cueiros desbotables para bebés de 0 a 36 meses, leite para bebés de ata 1 ano e cereais para bebés de ata 36 meses. Todo o material recollido será destinado ao proxecto que a ONG Asociación Participa pola Integración Social ten en marcha en Grecia, nunha Casa de Acollida en Grecia para mulleres refuxiadas sirias e as súas crianzas.
O Concello de Oleiros decidiu poñer en marcha esta iniciativa ante a gran necesidade destes produtos específicos nesa casa de acollida. O Goberno municipal ten realizado numerosas campañas e proxectos en colaboración con distintas entidades e ONG para contribuír a mellorar a calidade de vida nas zonas máis desfavorecidas do planeta, principalmente en Latinoamérica e África.