Oleiros, 21 de outubro de 2015-. O Concello de Oleiros vén de abrir o prazo para solicitar as becas para os nenos e nenas que empreguen os comedores dos centros de ensino público xestionados polas ANPA no curso escolar 2015/2016. En total, está reservada unha partida orzamentaria de 27.000 euros para axudar aos escolares oleirenses que comen nos colexios.
A contía que se lle concede a cada neno ou nena depende da renda per cápita familiar e vai desde os 700 ata os 260 euros. Estas cantidades increméntanse entre un 5% e un 10% no caso das familias numerosas. Só poden acceder á subvención os nenos e nenas empadroados no Concello de Oleiros.
O prazo de solicitudes está aberto desde hoxe ata o 7 de novembro. Os pais, nais e titores legais dos menores deben presentar as súas solicitudes no rexistro do centro cultural A Fábrica, aberto de 8:00 a 14:00. As listaxes de becados e becadas serán publicadas na web municipal , no taboleiro de edictos do Concello de Oleiros e no do centro cultural A Fábrica.