Oleiros, 29 de novembro de 2012-. «Banco Solidario», este é o nome do proxecto que dende a Concellería de Servizos Sociais do Concello de Oleiros vaise impulsar cun dobre obxectivo: canalizar a solidariedade veciñal de Oleiros e contribuír a resolver as necesidades básicas de moitas familias que, como consecuencia da crise, o están a pasar mal. Como contraposición ao chamado banco malo e ás entidades financiaras que provocaron esta grave crise económica o Concelleo de Oleiros crea un banco bo, un banco de solidariedade xestionado polos voluntarios e voluntarias de Oleiros co apoio dos Servizos Sociais Municipais.
Para o desenvolvemento das campañas de captación de produtos se establecerán unha serie de entidades colaboradoras que, a modo de puntos de recollida e de divulgación de cada unha das campañas, permitirán unha maior difusión e uns mellores resultados. Estas entidades colaboradoras tamén servirán para difundir e estender por toda a sociedade uns valores de participación, activismo e solidariedade.
Centros educativos, casas do pobo, entidades e equipamentos deportivos, asociacións culturais e veciñais… son lugares que servirán de puntos colaboradores nestas campañas que desenvolva o Banco Solidario.
Empezaremos a actividade do Banco Solidario desenvolvendo, do 3 de decembro ao 19 de decembro deste ano 2012, dúas campañas en distintas entidades colaboradoras: Recollida de xoguetes (só xoguetes novos) nas piscinas municipais e recollida de alimentos e produtos de hixiene e limpeza nos centros educativos (escolas infantís, colexios e institutos) e nas Casas do Pobo.