Oleiros, 9 de outubro de 2015-. Os alumnos de 3º e 4º de ESO dos institutos públicos de Oleiros coñecerán a través dunha unidade didáctica a vida e obra de María Wonenburger, ademais de aprender diversos conceptos matemáticos importantes. Esta ilustre matemática, nacida en Montrove no 1927, foi unha destacada científica internacional.
A biografía, obra e as investigacións desenvoltas por esta insigne matemática oleirense formarán a unidade didáctica “María Wonenburger: unha científica adiantada ao seu tempo” que impartirán as profesoras da Universidade da Coruña María José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar. Como din as propias autoras, “Wonenburger é máis coñecida fóra das nosas fronteiras que no noso país”.
A unidade didáctica fará ver aos estudantes as dificultades que tivo que superar esta muller de Montrove, que viu como o seu título de doutora sacado en Estados Unidos non era recoñecido en España. Foi profesora na Universidade de Toronto e posteriormente nas Universidades de Buffalo e Indiana, chegando a ser Full Professor, o equivalente en España á categoría de catedrática.
Durante ese tempo, publicou artigos de investigación en prestixiosas revistas de matemáticas e dirixiu varias teses doutorais, algunhas delas de gran repercusión internacional. A súa investigación enmárcase na área de álxebra; son de destacar as aplicacións que tiveron os traballos de María Wonenburger e dos seus alumnos/as no campo das matemáticas, a física e a informática. Regresa a Galicia con 56 anos e volve por razón familiares que a van apartar dos labores de docencia e investigación.
As profesoras Mª José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar farán visible a figura de María Wonenburguer para toda Galicia e España. A partir das súas publicacións e divulgacións a María Wonenburguer chéganlle en vida os recoñecementos da universidade, asociacións e sociedade máis próxima. E así merecidamente a Xunta de Galicia crea o Premio María Wonenburguer para a ciencia e a tecnoloxía. No 2007 recibe o nomeamento de Socia de Honra da Real Sociedad Matemática Española e a Universidade da Coruña agasállaa coa máxima distinción universitaria como é o nomeamento de Doutora Honoris Causa da mesma.
No ano 2012, no seu lugar de nacemento, Montrove, o Concello de Oleiros honrou a súa persoa cun fermoso parque que se bautiza como Parque María Wonenburguer Planells.