Oleiros, 25 de xuño de 2013-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, asegurou esta mañá que é necesario convocar unha asemblea extraordinaria da Fegamp para abordar a perdida de competencias municipais en servizos sociais que o Goberno de España prevé dentro do seu plan de adelgazamento da administración pública.
Esta medida, cualificada por Seoane como «nefasta», situaría as competencias en servizos sociais nas comunidades autónomas, segundo explicou o rexedor isto supoñería que o goberno autonómico, sen capacidade para levar a cabo esta tarefa puxese o servizo en mans de empresas privadas cun volume de negocio altísimo. O alcalde explicou que só no programa de Axuda no Fogar, Oleiros destina máis de 600.000 euros anuais, que polo máis de 300 concellos que ten Galicia supón un negocio enorme para algúns.
Ademais a actividade dificilmente podería ser supervisada polo Goberno autonómico carente de capacidade e infraestrutura neste sentido, o que produciría un deterioro na calidade do servizo, a diferenza do modelo actual que está funcionando correctamente e Oleiros é un claro exemplo.