Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Fomento dálle a razón ao Concello de Oleiros coa licitación do proxecto de ampliación da Ponte

Oleiros, 29 de outubro de 2015-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, manifestou hoxe a súa satisfacción porque logo de “moitos anos esixindo a ampliación” da Ponte da Pasaxe dáselle a razón ás reivindicacións do Concello de Oleiros. Hai que lembrar que este é un proxecto moi importante para a calidade de vida das persoas de toda a comarca, que teñen que aturar longas retencións circulatorias a diario. A ponte é a principal entrada de tráfico á Coruña, xunto coa AP-9, cuns 90.000 vehículos diarios para os que hai que buscar unha solución inmediata.

“Como todos os veciños da comarca saben, eu fun un defensor constante da ampliación da marxe dereita - saíndo de Oleiros- da Ponte da Pasaxe. Fomos os únicos defensores da ampliación. Os outros partidos falaban de proxectos inviables e ineficaces, pero o único punto no que conflúen as estradas é ese, e as outras opcións non teñen nin tiñan sentido”, comentou o alcalde.

García Seoane explicou que “será unha satisfacción grande si finalmente se fai, pero estamos en época electoral e polo tanto temos que ser moi precavidos. Agardemos que non pase como coa rotonda de Sol y Mar, que tamén se fixo o proxecto hai anos e aínda non se realizou a obra. En calquera caso, seguiremos loitando para que se execute canto antes, tanto esta actuación como as que están pendentes de facer no municipio –rotonda de Sol y Mar, túnel do Carballo, finalización da Vía Ártabra-”.

O alcalde destacou que no momento no que se acometa esta ampliación vai mellorar moito o tráfico. “A estrada que vén do norte do municipio non pode ter alí ese tapón que existe agora. Ademais, pensando en futuro e na mellora do transporte público, non tería sentido a inexistencia dun carril bus”, declarou.

 

back link